NO TERCEIRO CABODANO DO AFUNDIMENTO DO PRESTIGE
Nunca Máis convoca unha mobilización para o vindeiro domingo 13 de novembro
03/11/2005 Desde aqui podedes ler o texto do trítico que será repartido nas distintas comarcas de Galiza durante esta campaña na conmemoración do 13 de novembro como dia da Dignidade de Galiza, asi como para continuar a presentar as nosas demandas tres anos despois do afundimento do Prestige.
13 de novembro de 2005: DÍA DA DIGNIDADE
Estamos preparados para o seguinte?Evitemos outro Prestige
A cuestión ‘Prestige’ é aínda, e desgrazadamente, unha cuestión latente na sociedade galega. E éo porque nin están superadas na súa totalidade as consecuencias da maré negra, nin en materia preventiva e paliativa se adoptaron as medidas precisas para evitar un novo ‘Prestige’ nas nosas costas.
É por iso polo que a Plataforma cidadá NUNCA MÁIS volve a saír á rúa, tres anos despois do afundimento do Prestige, para demandar coa mesma forza ca sempre, coa mesma coherencia e coa mesma firmeza, un compromiso claro por parte das administracións para superar a catástrofe provocada polo Prestige e as súas secuelas. Compromiso que debe contemplar, así mesmo, a adopción de actuacións e medidas que preveñan de xeito eficaz unha catástofre ambiental no litoral galego.
A lección histórica que deu a sociedade civil aos seus gobernantes ante a catástrofe do Prestige exixe por parte destes unha resposta coa sensibilidade e eficacia suficientes. Lémbrese que o desleixo e incompetencia, así como a non asunción de responsabilidades de quen ostentaba o Goberno, xerou unha contestación social sen precedentes na historia do noso país. Contestación social sen a que dificilmente se explicaría o cambio de goberno producido hai uns meses na Xunta de Galiza. Nese sentido, a Plataforma cidadá NUNCA MÁIS non ocultou a súa satisfacción por esa circunstancia, xa que entendía que abre as posibilidades a unha interlocución coa nova Administración e, xa que logo, a avanzar moi positivamente nas solucións que require a situación derivada da catástrofe do Prestige
Hoxe, transcorridos máis de mil días desde a maré negra, non son poucas as cuestións pendentes que os Gobernos, central e autonómico, teñen que abordar. En rigor, estas cuestións pendentes non difiren demasiado das reivindicacións que faciamos hai agora un ano, cando novamente millares de persoas respondían ao chamamento de NUNCA MÁIS de saír á rúa baixo o lema “Seguimos a exixir solucións e xustiza”, conmemorando o 13 de novembro como un auténtico Día da Dignidade.
Neste novo Día da Dignidade, a Plataforma cidadá NUNCA MÁIS quere redobrar ese dobre chamamento a non esquecer o acontecido e a impulsar novas actuacións que melloren sensibelmente a actual situación, derivada dunha xestión a todas luces ineficaz, tanto á hora de paliar os efectos da maré negra (medioambientais, económicos, sociais...) como de estabelecer as medidas necesarias para previr catástrofes similares.
NUNCA MÁIS, neste terceiro aniversario da maré negra do Prestige, reclama o compromiso inequívoco das administracións, do novo Goberno, nestas tres liñas básicas e fundamentais:
· Apoiar a recuperación económica dos sectores afectados, nomeadamente dos sectores produtivos, que seguen a padecer un alto nivel de afectación nas súas pesquerías. Reflexo orzamentario do compromiso económico co país.
· Avanzar na rexeneración medioambiental das zonas afectadas, con especial atención ao medio mariño e ao litoral. Urxente tratamento e procesamento axeitado dos residuos procedentes do Prestige.
· Reducir significativamente o risco de novos accidentes nas nosas costas e de novas catástrofes ambientais. Aumento dos medios dispoñíbeis para a prevención e para labores de salvamento marítimo.
FUENTE:NUNCA MAIS
0 comentarios